Tuesday 07 de May de 2024

As obras de mellora da estrada entre a Fontenla e Escurido, na parroquia de Lendo, comezarán nos próximos días


Intervirase nunha distancia de 600 metros e o orzamento ascende a 39.000 euros.

O alcalde José Manuel López Varela, xunto ao concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón, e representantes de Construcciones Ponciano Nieto asinaron hoxe a acta de replanteo do proxecto de mellora da rede viaria na estrada da parroquia de Lendo que comunica A Fontenla con Escurido. Despois deste trámite, as obras comezarán a executarse nos próximos días.

O tramo que será obxecto da intervención afecta a unha lonxitude lineal de 600 metros, que son os que presentan un maior deterioro. A intervención contempla a renovación da superficie de rodadura da calzada e as beiravías, así como a pavimentación do sobreancho nos puntos nos que así o permite a dispoñibilidade de terreo. Os traballos concluirán coa sinalización horizontal e vertical, así como co pintado das liñas dos bordes da vía e os símbolos necesarios segundo o código de circulación.

O orzamento do proxecto alcanza os 39.000 euros que serán investidos na mellora das comunicacións e da seguridade viaria nesta estrada que comunica dous núcleos de poboación rural.